Inventario de Campás

Mosteiro Cisterciense de Santa María de Xunqueira de Espadanedo - XUNQUEIRA DE ESPADANEDO (GALICIA)

(Referencia: 13255)
Praza dos Amigos, s/n.
32730 XUNQUEIRA DE ESPADANEDO


Data de construción Século XII.
Descricion A vida do mosteiro, un dos máis importantes da Ribeira Sacra, pasou por diferentes etapas: Construído sobre outro anterior, o Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo fundouse no ano 1150, posiblemente baixo a Regra de San Agostiño. O que si que é seguro é que desde 1170, en que pasou a depender de Montederramo, e ata a a Desamortización de Mendizabal pertenceu á orde cisterciense. En 1546 uniuse á congregación de Castela e, na exclaustración do sécuo XIX pasou a ser propiedade municipal.
O templo, románico, posúe tres naves de cinco tramos con ábsidas semicirculares na cabeceira de cada nave. No interior os arcos, tanto faixóns como formeiros, son oxivais. Ademais, son de salientar os capiteis que se espallan por todo o templo, sobre todo un decorado con torreóns.
Na capela maior destaca o altar de pedra románico cun retablo manierista datado en 1594, cun óculo polo que entra luz ao templo, probablemente realizado por Xoán de Anxes o Mozo, que traballou no cadeiral do coro da Catedral de Ourense. O retablo ten dous corpos horizontais de tres tramos verticais máis o ático. Nel represéntanse esceas da infancia de Xesús (nacemento, adoración dos Magos, presentación e circuncisión) e no ático o Calvario.
Na capela maior tamén é salientable o monumento funerario de finais do gótico, pertencente a Paio Yáñez de Abelenda, representado tumbado e cun puñal na man dereita e de quen se di que foi soterrado coa súa espada de prata.
Ademais, na entrada da igrexa hai outros dous retablos que representan a Visitación e a Transfiguración, este do s. XVII, con bustos de San Marcos e San Brais.
No exterior, de fronte ao templo, érguese a fachada neoclásica construída como se pode ler nun epígrafe no ano 1801, pois a orixinal románica foi destruída probablemente por un raio nunha treboada no 1800.
Na fachada norte é salientable a porta (tapiada) románica, ou “porta dos mortos”, pois por ela os monxes accedían ao seu cemiterio, que continuou sendo cemiterio parroquial ata o ano 1976 en que se traslada ao seu emprazamento actual. Seguindo cara á cabeceira do templo atopamos as ábsidas románicas, as das capelas laterais e a da capela maior. Nesta última podense apreciar os fustes das columnas adosadas cortados, debido a que na época do barroco foi construída aí unha sacristía.
O actual edificio do mosteiro conserva dúas das alas do único claustro construído no século XVI, cando a unión á Congregación de Castela. O acceso ás dependencias monásticas faise por unha porta barroca entre pilastras sobre a que destaca o escudo da Orde do Cister baixo a coroa real. O claustro era un corredor pechado sobre si mesmo para distribuír aos monxes pola súa casa, o mosteiro. No claustro nin se rezaba, nin se cantaba, nin se lía. Só era un lugar de paso dunha estancia a outra, e tamén nalgunha festa ou solemnidade se facían as procesións litúrxicas por el.Por iso o claustro que daba directamente á igrexa se chamaba claustro procesional. Este mosteiro, por ser un priorato pequeno, só tiña este claustro.
Na parte superior do claustro pódense ver as ventás da nave románica e varios reloxos de sol. Nas paredes do claustro hai tres reloxos de sol en total: un deles está orientado ao nacente e ten forma de pentagrama en posición diagonal con numeración arábiga; os outros dous, de esfera oval, están xuntos e orientados ao sur, un con numeración árabe e o outro con numeración romana e data de 1663.
Non deixa de ser curioso o feito de que existan dous reloxos de sol nunha mesma parede. Como se pode apreciar na (foto2), e posible que quen fixo o da esquerda traballara só pola mañá, ou ben a ala esquerda fora construida con posterioridade ao reloxo, polo que terían que facer o da dereita. Quizais sexa un problema de construción ao ser en tempos un patio pechado e de pequenas dimensións que non deixaba aceso a luz do sol dependendo da hora do dia ou da época do ano, polo que eran necesarios os dous.
O sur vemos á esquerda un campo, onde estaría a sala capitular, lugar de reunión da comunidade. Tamén hai que destacar no mosteiro a súa portería barroca coa súa bóveda de canón con casetóns.
O Mosteiro foi declarado Monumento histórico-artístico no ano 1981.
Campás 3 campás.
Autor
  • GAVILANES BLANCO, José Antonio / PATRIMONIOGALEGO.NET (14-04-2012)
  • MOSTEIRO CISTERCIENSE DE SANTA MARÍA DE XUNQUEIRA DE ESPADANEDO (19-07-2021)
  • Bibliografía (Pódese ordenar por calquera dos campos)

    AutorTítuloData
    CHATEAUBRIANDLas campanas2021
    2 Fotos

    Fichas das campás

    Editor da ficha LLOP i BAYO, Francesc
    Actualización 15-09-2023

    Campás actuais

    LocalizaciónCampáFundidorAno de fundiciónDiámetro (en cm)Peso
    Sancta Maria (1)
    Nuestra Señora de la Concepción (3)1850ca
    Torre-campanarioCampá (2)TABOADA CAMPOS, PLÁCIDO1952

  • Ficha reducida (PDF)
  • XUNQUEIRA DE ESPADANEDO: Campás, campaneiros e toques
  • Francesc LLOP i BAYO; Francesc Xavier MARTÍN NOGUERA Metodologia dels inventaris de campanes (1998)
  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © Campaners de la Catedral de València (2024)
    campaners@hotmail.com
    Actualización: 07-07-2024
    Convertir a PDF

    Connectats: 28 Visitants: 28 Usuaris: 0